Bertolt     Fecha  4/06/2004 21:32 
Sistema: Windows 98

Admin: Borrar mensaje Artigo-réplica a Juan josé R. Calaza
Mensaje

Tiven a oportunidade de ler este Martes un artigo de Juan José R. Calaza; aínda que despois de lelo, non sei se a palabra "oportunidade" sería a palabra correcta, prefiro non dicer cal sería a súa substituta, poisque prefiro que o lector utilize a intuición denantes de escriber un doloroso eufemismo. Xa se sabe que as opinions, son só iso, opinions; opinions que, sendo eu un convencido demócrata, máis que respetables -pois non todas o son pra min-, digamos que son sinxelamente...escoitables, por iso de que entran no caletre sen problemas dunha forma sonora, pero son indixeribles no seu contido.

Entre outras xoias, o señor Juanjo dedícanos estas palabras ós defensores da pluralidade linguística e cultural; agárrense e poñan o cinto, este artigo dá pra moito. A primeira confesión de Juanjo detectámola cando -orguloso- di estar "ausente de mi ánimo hasta la mínima traza de sentimentalismo regionalista"; moi ben home, supoño que teño que interpretar que iso é unha virtude con celestiais recoñecementos, pero teño unha dúbida : ¿Europa é unha rexión ou é o universo?; digoo por se cae no erro etnocentrista de considerar a Europa coma o ombrigo do mundo. Tampouco sería un erro infrecuente en Europa, os ilustrados franceses non dubidaron en autodenominarse a sí mesmos "a civilización" namentres os incivilizados colonos se negaban -sen éxito- a opoñer resistencia ó seu colonialismo político, económico e cultural.

Mire, señor Juanjo, eu téñolle predilección polas pequenas nacions con ánimo de reafirmarse con catro pesos; prefíroas ás grandes identidades ou civilizacions con ánimo de reafirmarse aínda máis con tódalas divisas do mundo. Éstas, non só me parecen ridículas, senon que ademais, danme medo. Sigamos : eu agradeceríalle, señor Juanjo, que non utilizase a verba "rexión" pra denominarnos, se tan constitucionalista é vostede, bote unha ollada á constitución e darase conta de que no segundo artigo da súa benquerida, o texto non é rigurosa nin definitiva na súa denominación ás periferias da península : utiliza tanto o termo rexión coma o termo nación; vostede escolleu o termo rexión, vale; eu, escollerei o termo nación...e cada un polo seu lado, ¿parécelle ben?.

Di vostede tamén que non se preocuparía da desaparición do que vostede chama "lenguas vernáculas" -Euskera, galego e catalán-; moi ben, tamén ahí teño que mostra-lo meu desacordo con vostede : eu sí me preocuparía da desaparición dun idioma tan ricaz coma o castelán, pero polo visto vostede ten a irracional crenza de que decantarse por un idioma é necesariamente despreza-lo outro, ou dito doutra forma : quen non está -exclusivamente- co castelán está -necesariamente- contra o castelán; suxírolle que profunde nas causas psicolóxicas da súa forma de razoar, podería vostede encontrar perigosos paralelismos coa dialéctica dun estadista cuxo partido aprobou unha resolución pro-belicista nun parlamento democrático, con aplauso triunfal incluído. Claro que iso, ó mellor, non é ningunha ofensa pra vostede.

Sigamos : di tamén que Cunqueiro e Torrente Ballester "ALZARÍANSE" hoxe contra o papel que xoga o Galego como "lingua de comunión separadora". Home, qué quere que lle diga, señor Juanjo, eu creio que Cunqueiro, a pesares de ser falanxista, era manso de máis pra "alzarse" contra ninguén; a palabra "alzamento", vostede xa o sabe, é repetido a cotío polos separatistas Españois pra ameazar ós demócratas galegos; agradeceríalle de novo que moderase un pouco o ton do seu léxico, home, !disfrute da chegada da primavera!, tampouco hai que alporizarse tanto, digo eu. Teño que recordarlle tamén -pois neste país o Alzheimer é unha preocupante enfermidade- que mois castelans falantes moderaban -a regrazo limpo- a teima de moitos rapaciños galegos por falar nun humilde e sinxelo galego nas escolas do franquismo; a pesares diso, non caerei no que Nietzsche chamaría "instinto de venganza" e seguirei falando castelán e galego cando me pete, ¿ve vostede como -a pesares de ser eu ateo- tamén teño un pouco de piedade e sei perdoa-los erros?.

Outra xoia máis : afirma, señor Juanjo, que as linguas "vernáculas" (sigh) convertéronse en "apisonadoras do castelán" (sigh) e dos dereitos individuais dos hispanófonos. Ben, voulle falar entón coma un individuo, e coma individuo, ínstolle a coller de novo a súa benquerida constitución, concretamente no artigo número 20 apartado tres : "La ley.. (...) respetando el pluralismo de la sociedad y de las diversas lenguas de España". Pra min, é sospeitoso, señor Juanjo, o feito de que unha discriminación positiva para o fomento do Galego en Galiza sexa interpretada dentro de Madrid coma unha "imposición" (?), ó mesmo tempo que prao Estado que funcionaba como soporte da lingua castelá era un "acontecemento natural" a imposición da lingua do estado (e da relixión, e das costumes) en Latinoamérica, ¿ou fai falla que lle recorde cómo chegaron en Latinoamérica os indíxenas a ser castelán falantes?. De todas formas, sen recorrer a argumentos históricos, non se pode falar de "imposición" de ningún tipo nunha comunidade maioritariamente castelán falante. Eso sí é demagoxia, supina vulgaridade, señor Juanjo.

Pero unha das cousas que máis me chaman a atención é a súa consideración de que xa non somos nacionalistas, senon (sigh) constitucionalistas. Ben, supoñamos por un momento que fosemos constitucionalistas; entón TÓDOLOS ESPAÑOIS deberíamos acepta-lo feito de que a constitución pode ser reformada con dous tercios de mairoría parlamentaria, e iso non o digo eu, senon a mesma constitución que vostede sacraliza. E iste feito, levaríanos a aceptar que se fosemos constitucionalistas (non todos o somos) cunha constitución que pode ser reformábel, teríamos que ser tamén constitucionalistas se por algunha circunstancia histórica os dous tercios da cámara quixesen retoca-la estructura do Estado Español; témome que sería entón cando vostede cambiaría de opinión : deixaría de ser constitucionalista para ser nacionalista Español, estoulle moi seguro.

Polo visto, no seu artigo comenta que Europa é "unha complicada babel" de vintacinco membros; eu entendo, Juanjo, que Deus castigase ós homes a falar moitas linguas diferentes, pero como eu son un home rabudo e chisco teimudo, a min ese castigo de Deus paréceme unha bendición na terra. Témome que pouco teñen que dicir certos cregos sobor a diversidade linguística e as súas ventaxas, a non ser que agora os cregos e os filólogos comezen a tirarse pedras (a estas alturas, nada me extraña). En canto ó que vostede chama "intereses estratéxicos de España", nin falemos, supoño que vostede chamará interese estratéxico ás necesidades de almacenamento de hidrocarburos por parte das transnacionais do petroleo Estadounidenses, Francesas, Inglesas, Polacas e Italianas ou de Repsol Ypf en España; se obedece-lo "interese estratéxico" implica dicer "si wanna" ó interese individual -estranxeiro e local- vía resolución pro-belicista nun parlamento -ignorando, recordémolo, ás consideracions éticas da sociedade civil e á oposición de tódolos partidos restantes da cámara-, entón, ese tipo de "interese estratéxico", nin nos importa, nin é o noso; e non somos só boa parte dos galegos o que opinamos esto, senon boa parte dos vascos, catalans e...españois.

Aínda hai máis : o señor Juanjo dí que en Europa importalles "tres cominos" as linguas rexionais. !Vaia home!, !qué lástima!, haberá que comezar a meterlle-lo gusto polas linguas (sigh) "vernáculas". De tódalas maneiras, non se me lance, señor Juanjo; eu tamén falei con moitos Daneses, Polacos e Franceses ós que lles importaba un carallo -con perdón- o Castelán, pero non se me enfade, eu non lle son desa opinión. Certo é, como vostede dí, que estamos "molestando en Europa", ¿pero non pensa que molestaríamos menos se -primeiro- comezásemos por insultarnos e molestarnos menos nas Españas?. Diego eu, vaia.

O artigo desta entrañable persoaxe remata cun disculpábel exabrupto : "!qué manera de hacer el ridículo!". Bueno home, non pense que é vostede o único que sinte iso tan común chamado "vergonza allea", a min pasoume o mesmo cando Aznar poñía todo tipo de atrancos pra avanzarmos no proceso de formación da Unión Europea, ou cando Felipe González nos meteu na Otan, obecendo así a un paradoxal ideario socialista-belixerante, ou cando en Europa sonroxábanse coas fotos de Aznar cos neo-feixistas de Estado, ou cando nos dixeron que o Euro tiría repercusions no peto dos cidadans (e tivérona, pero á inversa do prometido), ou cando mandamos a unha inxente cohorte de soldadiños pra reconquistar unha illa de non máis de medio kilómetro cadrado, ou cando un presidente do goberno confesou "falar catalán na intimidade" cando precisaba os votos de Ciu, pra logo acabar votando pestes das periferias enseñoreándose do máis rancio e clásico nacionalismo español, ou cando...en fin, ¿teño que seguir?. Como vostede verá, o obxeto da vergoña cambia segundo quen a sinte.

Ren máis, saudos dende Galiza, Euskady, Catalunya e Europa.
                                                                                                                                                                                                                                                                                                                               


Respuestas (0)
  • » Artigo-réplica a Juan josé R. Calaza « - Bertolt - 4/06/2004 21:32



Volver al foro

Responder


Nombre
E-Mail
Asunto
Web
Notificar por e-mail respuestas.
Mensaje