Bertolt     Fecha  26/06/2004 20:08 
Sistema: Windows 98

Admin: Borrar mensaje Die Wahrheit ist konkret// La verdad es concreta// A verdade é concreta.
Mensaje
Todo estado tivo a súa "filosofía"; o estado liberal-burgués estaba apoiado na dogmática fe no librecambio de mercancias e na autoregulación do mercado. O estado "socialista" da Urss estaba apoiado no materialismo dialéctico. O estado feixista estaba apoiado no mito da raza aria e na súa predestinación a goberna-lo mundo. Os estados actuais, despois de tirar á basura a Keyness, son moito menos intervencionistas en materia económica do que os estados liberais burgueses o foron no auxe da revolución industrial; daquelas, todavía se falaba do estado coma un "xendarme" que debía regula-los abusos do mercado..aínda que a industria gozaba dun amplio marxe de liberdade.

O novo xoguete filosófico dos cuasi inexistentes estados actuais básase na radicalización das teses de Adam Smith e a súa "man invisíbel", para éste o estado só tiña que face-las veces de policía-xendarme do mercado, pero endexamais debía mostrarse eficiente nas decisions de índole socio-económica. Agora o Estado non é tan siquera un xendarme, é un estado comtemplativo, que observa como as reduccions de plantilla e como as deslocalizacions de empresas se levan a cabo con ou sen o seu consentimento; un estado no que -polo visto-a lexislación laboral non pode facer fronte á lexislación e ó poder legal de moitas empresas, amparadas no seu "dereito privado". O paradigma neoliberal é un paradigma exclusivamente economicista : a realidade só pode ser pensada en termos de rendabilidade económica, a explicación dos feitos sociais ten que respetar sempre á lei da oferta-demanda; os libros son libros se se venden, as ideas poden poñerse en práctica se venden, os programas de televisión poden televisarse se venden; a dinámica da oferta-demanda abrangue tódalas actividades dos individuos e colectivos, esas son as consecuencias do que nestes momentos se erixe coma un pensamento hermético, pechado en sí mesmo e excluínte; poderíase dicir que o neoliberalismo é ó mundo actual o que a escolástica á idade Media; coa salvedade de que xa non é da existencia ou non existencia de Deus sobre o que se discute, senon sobre a crenza ou non crenza no mercado.

Ó longo da historia, a "idea dominante" sempre buscou o dominio sobre o suxeito que pon en dúbida os seus dogmas ou que fai preguntas incómodas; decía Bertrand Russell que nas universidades soviéticas, calqueira posta en dúbida da omnicomprensividade do materialismo dialéctico, era pouco menos que considerada coma unha herexía contra a ortodoxia establecida. Hoxe en día está a pasa-lo mesmo co paradigma economicista do neoliberalismo, levado á praxe política polo cowboy Reagan e Margaret Tatcher en Usa e Grande Bretaña respectivamente; este paradigma -coma os seus mesmos defensores profetizan- traerá riqueza, paz, concordia e benestar pra tódolos seres vivos do planeta, coido eu que tirán que apurarse, poisque xa son os tres cuartos de planeta os que de momento no viron cumpridas as promesas da élite intelectual de occidente. Recordemos : tamén a utopía comunista postulaba ese mundo cheo de paz, concordia e benestar, namentres Stalin se adicaba a borrar do mapa calqueira oposición intelectual ou política dentro dos límites do seu estado; digo eu, que é unha curiosidade que toda idea ou substancia que queira universaliza-la súa mensaxe leve tamén -implícita ou explícitamente- o seu propio reino dos ceos incorporado, este feito, sen dúbida, debería facernos reflexionar.

Na idade Media, nun mundo que non permitía a participación política ó individuo, pódese entender porque se buscaba acougo existencial en "Deus"; no paso das antigas ás novas formas de producción, a mediados do século 17, o cidadán, baixo a vixilancia do estado liberal-burgués, só podería proxecta-la súa Fe na "riqueza da nación", mais no estado liberal-burgués non todos eran considerados cidadans, só eran cidadans aqueles que reunían as condicions económicas e de mérito para selo, polo que os excluídos, os parias, tirían que conformarse con proxecta-la súa Fe nun Deus que, polo visto, non lles facía moito caso. Na Alemaña dos anos 30, sen ter en conta ós disidentes, asesinados e exiliados; o individuo proxectaba a súa Fe nas profecías do nacionalsocialismo, éste tamén tiña un carácter "utópico", tamén falaba dun alén : baixo a retórica feixista subxace tamén ese anhelo polo que "todavía non chegou, pero chegará", ese ton mesiánico que, paradoxalmente, tamén caracterizaba á retórica do eterno "enemigo comunista". Tamén en Rusia, os parias e os excluídos poñáin a súa fe nun alén, na chegada da sociedade sen clases, na que reinaría -disque- a paz, a concordia e a liberdade. Chegados a este punto, polo visto, eso que chamamos Fe, consistiu ata o de agora nunha estrataxema para facer da necesidade, virtude; porque todavía non baixou o altísimo á terra a separa-los xustos dos inxustos, porque a diferencia ou brecha entre crases segue a aumentar progresivamente, porque a paz e a concordia só deben reinar na antártida -onde o home todavía non vive- e porque o pleno emprego e o aumento do nivel de vida do jauja neoliberal está moi, moi lonxe, de ser un feito.

A situación e a circunstancia socio-política é idónea para seguir pensando que a regulación da economía, sen necesidade de que ésta poña trabas á iniciativa individual, non é unha idea "proto-stalinista"; é preciso un pacto social entre grande spropietarios, sindicatos, empresarios autónomos e clase política en xeral; en certa maneira, esta é unha lanza en favor dun keynesianismo global, habería que reflexionar tamén sobre cales foron as verdadeiras causas da ineficacia das teorías de keyness; ¿cómo podían funcionar se en Estados unidos, e mesmo en grande Bretaña, coa caída do imperio soviético, comezouse de novo a incrementa-lo gasto armamentístico recurtando ostensiblemente o gasto social?. O dogma neoliberal é unha aporía, unha ilusión, unha teoría que se está a sacralizar en moitas universidades, unha contradicción inmensa entre promesas e feitos. Calqueira teoría que busque o dominio e que ignore as súas propias contradiccions está construída sobre a mentira; qué grande Bertolt Brecht cando dicía : "a verdade é concreta".

Pero reflexionemos : ¿cómo chega unha idea a convertirse en absoluta?, ¿cómo un credo político, científico ou relixioso remata por homoxeneiza-lo pensamento, chegando incluso a poñer en dúbida a existencia do individuo, incluso o dominio sobre o "suxeito que duda", isto é...o suxeito que fai preguntas "incómodas?. As ideas, crenzas e teorías, para ser difundidas, precisan dun espazo de poder ou dunha ou varias institucions a través das cales poder espallar ou difundi-los seus dogmas : o dereito divino dos reises era cociñado e teorizado dende as igrexas do Antigo Réxime, os partidos do estado liberal-burgués, que confiaban en demasía no mercado, dispoñían da súa prensa ilustrada dos seus clubs, das súas bibliotecas e do seu poder económico para poder espalla-lo dogma da man invisible; todo isto xuntábase coa pouca oposición que recibían por parte dunha nobreza feudal que só quería conserva-los seus privilexios tributarios no campo e tamén cos tratos de favor coa monarquía, seguindo a filosofía do "quid pro quo". En canto ós preceptos do materialismo histórico, coa burocratización do estado ruso e coa axuda dos profesores de universidade, tivo fácil o seu dominio -nos límites do estado ruso- para poder combatir ós heterodoxos ou ís impíos que ousaban poñer en dúbida a omnicomprensividade do materialismo histórico. Tamén o nacionalsocialismo, nunha perfecta correlación entre Estado, centros de ensinanza e control da vida pública.

En canto ó neoliberalismo, que non é máis ca radicalización das teorías de Adam Smith, contou en Inglaterra coa axuda de universidades (Adam smith institute of economics), coa súa propia prensa e coa infiltración dos neo-intelectuais nas relacions públicas e privadas coa clase política : a retórica da neo intelectualidade estaba cargada do seu furibundo anti-keynesianismo, polo visto, unha das características do dogmatismo (en tódolos ámbitos do coñecemento) é dispoñer dun enemigo ó cal...non discutir, senon eliminar. Co tempo, as teorías keynesianistas foron perdendo creto, tanto en Grande Bretaña coma nos States, cos gobernos de Tatcher e Reagan respectivamente; agora as teses neoliberais disporían dos seus propios espazos de poder e control para anular ou restar efectividade á disidencia : a cámara dos deputados e a prensa internacional, que se antes se caracterizaba por actuar como contrapoder, agora caracterízase por entrar en simbiose co poder mesmo, coma se fosen un so corpo; se a isto sumámoslle o control dos Estados sobre certas televisions públicas -incluso a súa privatización, como ocorreu en Grande Bretaña e está a ocorrer noutros lugares- e os recortes sociais de moitos partidos con políticas económicas de marcado cheiro neoliberal -repercutindo directamente na ensinanza e na investigación científica non instrumentalizada ó belicismo- tiremos a dinámica que seguiron os intelectuais da Fe na producción a grande escala pra converte-los seus desexos nunha verdade aceptada, no só polas élites, senon tamén pola sociedade civil.

Toda ansia de universalización de calqueira mensaxe, pois, precisa de institucions, estructuras e espazos de poder para tal fin; non é a validez obxectica ou a inspiración divina a que opera nos cambios de paradigma -moito menos nos paradigmas da ciencia social, deixemos á física á marxe-. É a necesidade dunha xustificación filosófica ou relixiosa para determinada estructura socio-política. Nós, creemos no individuo, non no individualismo levado ó extremo, senon no individuo, na súa existencia por riba de calqueira idea que pretenda anulalo, na súa capacidade para pensar outros mundos, sen necesidade de amolda-la súa conciencia ó que Hegel chamaría "o espírito dos tempos". É precisamente alí onde a "public opinion" se mostra intolerante, opaca e mercenaria, onde os individuos nos temos que mostrar tolerantes; porque...xa se sabe : "Die Wahrheit ist konkret". A verdade é concreta.
                                                                                                                                                                                                                                                                                                                               


Respuestas (0)
  • » Die Wahrheit ist konkret// La verdad es concreta// A verdade é concreta. « - Bertolt - 26/06/2004 20:08



Volver al foro

Responder


Nombre
E-Mail
Asunto
Web
Notificar por e-mail respuestas.
Mensaje